San Pedro de Perbes é unha parroquia que se localiza no noroeste do concello de Miño. Presenta unha igrexa de estilo barroco de carácter rural. Na súa planta  rectangular desenvólvese unha soa nave. O seu interior presenta un aspecto moi sobrio en canto a decoración, onde  esta o retablo do altar maior da época neoclásica. Aos seus pés  sitúase un coro alto. Mentres, no exterior a decoración condénsase na fachada principal; en cuxo eixo vertical central se incorpora a porta da entrada, un reducido van acampanado e, fragmentando o recanto, a base da espadana de dous corpos, o primeiro composto por tres machóns que conforman os ocos das campás e o segundo formado por un corpo central flanqueado por pináculos.