Santa María de Castro é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Miño. Na cima poboando “A croa” atópase a igrexa, encostada á capela dos condes de Vigo, monumentos e cemiterio situados entre os terraplens do vello castro celta, cuxos lindes son facilmente visibles pola frondosidade que o delimitan. A antiga igrexa de Santa María do Castro foi outrora o núcleo de maior devoción do concello de Miño. Igrexa de estilo barroco de tipoloxía rural, do século XVIII, aínda que na súa orixe foi unha igrexa románica do século XVI construída polos Terneiro de Montenegro. Na súa planta rectangular desenvólvese unha soa nave. O espazo entre a nave e o presbiterio realízase a través dun arco triunfal semicircular. Dende a nave principal pódese acceder directamente á Capela dos Condes de Vigo. O exterior concentra a decoración na fachada principal. Sobresae a espadana dobre adornada por pináculos. Caracterizada pola súa sinxela concepción aínda conserva un escudo sobre a porta da entrada. O retablo da capela garda unha réplica do mesmo escudo. Destacan polo seu interese artístico dous sepulcros do século XVI que pertencen a D. Juan Martínez Tenreiro de Montenegro, e a súa esposa, Dna. María Piñeiro de Lago.