Miño estende a súa campaña contra o plumacho con sancións que chegarán ata os 10.000 euros

  • O Concello solicitou esta semana a Adif e Fomento a eliminación inmediata da planta invasora nas vías da súa titularidade ao seu paso polo municipio 

O Concello de Miño avanza na súa loita polo control  e erradicación  da planta cortaderia selloana. Ao longo do verán o Goberno local levou a cabo un campaña de eliminación desta especie nos terreos de titularidade municipal. A pesar da potente campaña de erradicación, continúa a presenza desta herba en moitos espazos do municipio onde xa rebrotaron, principalmente onde houbo movementos de terra nos últimos anos. Non obstante ao longo dos últimos días iniciáronse dúas vías de traballo paralelo para a eliminación desta especie invasora a través da presión administrativa.

 

Por un lado mandouse un requirimento tanto a Fomento como Adif para que eliminen de inmediato a cortadeira selloana na contorna das vías da súa titularidade ao seu paso polo municipio. Por outra banda requiriuse un a un aos  propietarios dos solares e vivendas valeiras na urbanización Costa Miño, a inmensa maioría entidades bancarias, para que eliminen tamén os plumachos. O non cumprimento deste requirimento comportará unha cuantiosa sanción coercitiva fixada pola Conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia e aplicada de forma directa polo Concello que oscila entre os 1.000 e os 10.000 euros.

 

«Non podemos acabar co plumacho mentres o resto das administracións e os particulares non cumpran coa súa obriga de manter as súas propiedades libres desta lacra. Tras as notificacións e os requirimentos comezarán a chegar as sancións administrativas. Nos casos das entidades bancarias esperamos que a sanción coercitiva sexa suficiente. No caso de Fomento e Adif, en caso de que non cumpran, estudaremos ademais presentar unha demanda», sinalo o rexedor, o independentemente Ricardo Sánchez.