O Goberno local esixe lealdade institucional ao grupo municipal socialista

• O Goberno local insta aos socialistas a que apoien as iniciativas municipais que benefician aos veciños e veciñas de Miño por riba dos intereses individuais e partidistas

Miño, 17 de xaneiro de 2019-. O Goberno local censura o boicot institucional levada a cabo polo grupo municipal socialista de Miño. Ao longo dos últimos meses o PSOE de Miño opúxose, o cando menos abstívose, a aprobación de diferentes iniciativas propostas polo grupo de goberno. Entre estas iniciativas están tramitar a solicitude ante o Goberno de España da condonación da débeda pola expropiacións de Fadesa, axilizar a cesión da estrada da costa por parte da Deputación provincial para instaurar un servizo de regulación do aparcamento na praia Grande que revertería máis de 150.000 euros anuais as arcas municipais, ou a firma do convenio coa Xunta de Galicia para apertura do centro de día da Carraira, iniciativa esta última para a que os socialistas de Miño tampouco prestaron o seu voto.

O Goberno local considera especialmente significativo este caso, xa que onte nunha visita de corte electoral a Miño do secretario xeral socialista o partido instou a Xunta a apertura do centro de día. Como o portavoz municipal do PSOE e capaz de non apoiar a firma do convenio na sesión plenaria e logo saír diante das cámaras pedindo a apertura do centro de día? Como poden pedir a apertura do centro cando saben que esta é dende a firma do convenio unha realidade xa que a Xunta está neste momento a contratar a empresa que xestionará o centro?

Ante esta actitude o Goberno local censura a falta de lealdade institucional e esixe o grupo municipal socialista que traballe polo interese dos veciños e veciñas de Miño e non se mova unicamente por intereses persoais, electoralistas e partidistas.