05 de feb de 2016

A estruturación das áreas e a designación das dedicacións do novo goberno marcan o pleno extraordinario de Miño

General

A estruturación das áreas e a designación das dedicacións do novo goberno marcan o pleno extraordinario de Miño
PLENO-EXTRA-5-2-16

Esta mañá o Concello de Miño celebrou un pleno extraordinario marcado pola nova estruturación das áreas de goberno e dos novos nomeamentos para formar a Xunta de Goberno Local, así como, as designacións para representar á Corporación en órganos colexiados, entre outros asuntos.


O pleno comezou anunciando a retirada da orde do día do punto 9 sobre a proposta de recorrer a sentenza por parte do Xulgado do Mercantil Número 1 da Coruña quen desestimou a demanda do Concello na que se pedía ser recoñecido como acredor preferente e non ordinario no concurso de Martinsa-Fadesa. Punto que será tratado no próximo pleno posto que na tarde de onte os populares e Ricardo Sánchez Oroza asistiron a unha reunión informativa cos asesores xurídicos da Deputación para tratar o tema do recurso da sentenza.


Entre os primeiros puntos do día, aprobouse, coa votación a favor do alcalde e do Partido Popular e en contra da agrupación do PSOE, a nova composición do executivo na que Ricardo Sánchez Oroza seguirá sendo o alcalde e Jesús Veiga Sabín terá a primeira tenencia de alcaldía. Pola súa banda, Josefina Romeu ocupará a segunda tenencia e a terceira corresponderalle a Agustín Andrés, seguida por Ana Picos como cuarta tenente de alcalde. Todos eles conformarán a Xunta de Goberno Local, que se reunirá de forma ordinaria semanalmente.


Doutra banda, acordouse co voto en contra da corporación socialista o cambio de horario na celebración das sesións plenarias ás dez da mañá en lugar de ás seis da tarde, aínda que seguirán realizándose os terceiros martes dos meses pares. Este cambio prodúcese ante a imposibilidade dalgúns traballadores autónomos de asistir polas tardes ás sesións por cuestións laborais. Así mesmo, sinalouse que a partir das próximas sesións quedarán garantidas as retransmisións plenarias.


Con respecto á repartición das áreas, o alcalde será o portavoz e seguirá levando a Concellería de Transparencia e Participación Cidadá, mentres que Jesús Veiga estará á fronte do campo de Desenvolvemento Local, Plans,Vías e Obras e Emprego.


Sobre Josefina Romeu  recaerá a Concellería de Benestar Social e Igualdade, Comercio e Turismo. A Área de Urbanismo, Medio Ambiente, Contratación, Facenda e Persoal será competencia de Agustín Andrés e Ana Picos xestionará Educación e Cultura. En último lugar, Antonio Doce será o concelleiro de Medio Rural e José Paz levará Deportes e  Xuventude.


En relación ao réxime retributivo, fixouse unha única dedicación exclusiva, a do primeiro tenente de alcalde Jesús Veiga, que cobrará 1620 euros netos mensuais, mentres que Sánchez Oroza terá unha dedicación parcial e percibirá unha retribución de 2.008 euros netos ao mes. Doutra banda, acordouse unha indemnización por asistencia a plenos ou comisións de 80 euros.


Para concluír  designouse, cos votos a favor dos populares e do alcalde e a abstención dos socialistas, a Sánchez Oroza, e como substituto Agustín Andrés, como  representante legal do Grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte e, pola súa banda, Ana Picos será  a  representante do Consello de Membros da Rede de Dinamización ademais da representante da Corporación nos órganos colexiados.

Anterior Siguiente