27 de ene de 2016

Alumnado do Castro Baxoi planta 100 árbores en Miño

General

Alumnado do Castro Baxoi planta 100 árbores en Miño
Ás 16.30  estudantes do Castro Baxoi participarán na restauración do bosque autóctono coa colocación de 100 plantas na área natural do Rego de Andel.

Esta tarde, mércores 27 de xaneiro, o alumnado de primeiro da ESO do C.P.I. Castro Baxoi, coa axuda da Reserva da Biosfera e do Concello de Miño plantarán 100 árbores a carón do Rego de Andel, nunha parcela situada na urbanización de Costa Miño Golf.


Dentro das actuacións realizadas no proxecto piloto de "Sensibilización, control e eliminación de especies invasoras na urbanización Costa Miño Golf" vaise realizar unha plantación de especies autóctonas nunha das zonas naturais onde xa se realizaron os tratamentos de erradicación de Cortaderia selloana.


O ámbito de traballo coincide ademais co paso do Camiño Inglés a Santiago polo concello de Miño, o que repercute nos seus valores naturais, patrimoniais e culturais, ademais de favorecer a divulgación do proxecto.


Un total de 46 alumn@s están citad@s ás 16.30 para facer a súa pequena achega á restauración dos nosos bosques cun centenar de árbores autóctonas, entre as que se atopan carballos, castiñeiros ou freixos, entre outros. Con esta actuación auméntase a superficie arborada de frondosas, e ademais esta cobertura do solo contribuirá tamén a combater unha nova colonización da Cortaderia selloana e doutras posibles invasoras, ao non quedar o chan desprotexido.


Pola súa banda, a Reserva da Biosfera será a encargada de fornecer as árbores, as estacas e facer os buracos, mentres que o Concello de Miño se ocupará de levar todas as ferramentas e materiais necesarios para a plantación. Asemade, repartirase material divulgativo aos participantes sobre as especies invasoras e mais sobre a Reserva da Biosfera.


Ao acto asistirá tanto o alcalde do municipio, Ricardo Sánchez Oroza, como a técnica de Medio Ambiente, ademais do persoal do equipo do GDR e todo o alumnado de 1º da ESO do C.P.I Castro Baxoi acompañado do seu profesorado.


Por que debemos plantar árbores? Porque forman pequenos ecosistemas que permiten diminuír a contaminación, osixenan o aire, refrescan o ambiente, reducen a contaminación sonora, interveñen no ciclo da auga e protexen o chan. É dicir, as árbores son o elemento fundamental dun ecosistema, son os pulmóns do mundo. Por iso, estes actos son fundamentais para que todos poidamos seguir respirando, unha iniciativa na que todos deberiamos participar.


Cada árbore que plantemos ou conservemos fai unha gran diferenza e cada un de nós pode facela.

Anterior Siguiente