O Alcalde quere terminar coa sucidade que supón a propaganda que se vai pegando polas rúas e para iso decidiu establecer uns postes, habilitados para este fin, nos que todo o que queira poderá publicar os seus anuncios. O concello conta xa con dous taboleiros instalados, aínda que se habilitarán máis polo municipio.
O Concello comezou a instalar taboleiros de anuncios co fin de erradicar a sucidade que presenta o mobiliario urbano, posto que as rúas están cheas de papeis, anuncios e propaganda.O obxectivo é dotar ao cidadán dun lugar no que poidan recollerse os seus anuncios de forma organizada. Ademais, o alcalde, Ricardo Sánchez Oroza confía en que con estes taboleiros e coa vontade da cidadanía se logrará manter limpo o municipio.
Polo de agora os miñenses contan con dous postes publicitarios, un situado na rúa da Carreira enfronte da casa do concello e outro colocado en Costa Miño Golf. Mais a intención é instalar máis taboleiros en distintas partes do municipio, e para iso primeiro contactarase coas distintas asociacións de veciños co fin de atopar as mellores localizacións.
Logo de estaren todos os taboleiros asentados, só se poderá poñer propaganda, anuncios ou papeis neles, e de non ser así tomaranse as medidas sancionadoras oportunas.