Ante a demanda entre a poboación miñense da realización dun curso para obter o carné de aplicador/a de produtos fitosanitarios de nivel básico, o Concello solicitoulle o citado curso á Xunta de Galicia, pero non entrou no primeiro semestre, e agora están a estudar a posibilidade de entrar no segundo, dado que teñen moitas solicitudes.
Dada esta circunstancia, no caso de que a Xunta non realizase o curso, o Concello propón a súa realización en Miño, nas instalacións da escola de S. Xoán de Vilanova, onde o Concello achegaría o 50% do prezo total do curso, e o alumnado pagaría o resto.
O curso tería un custo aproximado duns 50 euros, dependendo do número de alumnado, e constaría de 25 horas. Pero para poder realizar este curso cómpren un mínimo de 30 alumnos/as.
O curso desenvolveríase no mes de marzo co seguinte horario, é unha opción, que se pode cambiar: o sábado 12 e o domingo 13 en horario de mañá e tarde e o luns 14 e o martes 15 en horario de tarde.
Lembrar tamén que dende o pasado 26 de novembro é obrigatorio estar en posesión deste carné para poder mercar e aplicar produtos fitosanitarios.
Toda aquela persoa que estea interesada en asistir ao curso de aplicador/a de produtos fitosanitarios terá que inscribirse no Concello a través do número de teléfono 981778914 ou a través do correo electrónico: medio.natural@mino.dicoruna.es