A número dous do partido socialista miñense non permitiu que no Pleno ordinario celebrado no municipio puidese ler unha proposta presentada polo Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Miño. No escrito pedían unha homenaxe ás vítimas da represión franquista.
O Concello de Miño celebrou o último Pleno ordinario do ano, unha sesión marcada polo ultimato que asestou o alcalde do municipio, Ricardo Sánchez Oroza, á oposición e pola falta de entendemento e de liberdade de expresión entre os membros socialistas.
Entre as mocións que se presentaron na sesión plenaria, Sánchez Oroza propuxo a lectura da proposta do Bloque Nacionalista Galego- Asembleas Abertas de Miño (BNG-AA) pero o Partido Socialista denegou a petición. A número dous da lista socialista, Catalina Morado, facendo alarde de democracia, rogou que non se lese a dita proposta, a diferenza do seu líder, que uns segundos antes permitira a súa lectura. Parece que existen discrepancias ata no seo do partido, o que fai presaxiar que será aínda máis difícil chegar a un acordo para formar un goberno de maioría, como reclama o alcalde do municipio.
Tras a negativa por parte dos socialistas da petición do BNG, o documento non puido tratarse e por conseguinte só proporcionou o escrito aos membros da Corporación. A proposta solicitaba que todos os grupos políticos se puxesen de acordo para render unha homenaxe ás vítimas da sublevación fascista contra a legalidade republicana.
En Miño foron 96 veciños e veciñas as persoas que sufriron a represión franquista e 12 as que foron asasinadas. A divulgación dos Dereitos Humanos e da Cultura da Paz obriga a poñer en valor a figura destas persoas e popularizala entre a propia veciñanza, así o declara o BNG-AA. Pero parece que o grupo socialista non está polo labor nin sequera de dar voz a tal atrocidade.
Pola súa banda, o alcalde súmase á proposta do Bloque e á súa vez propón que o colexio CPI Castro Baxoi pase a chamarse María Vázquez Suárez, unha das mártires da liberdade. Esta política e sindicalista, moi activa na agrupación socialista de Miño, centrouse sempre nas políticas educativas e na defensa dos dereitos das mulleres e traxicamente terminou sendo fusilada por defender a escola laica o a liberdade, entre outras cousas.