Fronte ás dificultades debemos dar unha resposta. Non hai solución posible ao pago aos expropiados de Fadesa que non pase por unha urxente e directa negociación que termine nun acordo cos acredores desta débeda, que por máis que nos pareza inxusto que deba ser asumida polos propios veciños (eles tamén o son e xa que logo tamén pagarán as consecuencias), debe ser asumida na medida das posibilidades reais coas que hoxe conta o noso Concello.
Calquera idea que non pase por chegar a un acordo condenaría o Concello á intervención e ao embargo das súas contas, o cal si suporá un axuste en toda regra. Seguir mirando a un lado si sería o inicio dun axuste neoliberal (ASÍ O CUALIFICA DE FORMA INDOCUMENTADA E SEGURAMENTE MALINTENCIONADA UN SECTOR DUN GRUPO POLÍTICO LOCAL) que acabaría cos servizos sociais, co investimento en educación, en cultura, en deporte e en medioambiente que desde hai uns meses vimos impulsando desde o Concello.
A idea de recorrer ao fondo estatal creado para o pagamento de sentenzas firmes contra a administración local (como é o noso caso), é a de pedir un diñeiro para facer un primeiro pago desa débeda que permita alcanzar un acordo máis amplo cos expropiados que poña freo dunha vez por todas coa sangría de intereses (levamos oito millóns de euros acumulados neste concepto) e de costas de avogados (só no 2015 van 190.000 euros). Isto permitirá sentarnos nunha mesa de negociación para poder chegar a un acordo. En paralelo virá a liquidación de Fadesa, e con iso a recuperación dunha parte ou do total da débeda, concluíndo así co pagamento da totalidade da mesma.
E non se trata dun axuste neoliberal por varios motivos:
a) Estamos pedindo 6 millóns de euros a devolver en dez anos (máis dous anos de graza) co interese co que se financian os organismo públicos, asumindo que é a cifra que o Concello pode devolver cos seguintes aforros no gasto a partir da situación actual:
• Aforrar un 5% nos gastos de funcionamento da administración local.
• Aforrar no gasto que agora fai o Concello en servizos que son en realidade competencia da Xunta de Galicia, e que se conseguirá co traspaso ao goberno autonómico deses servizos. Isto non implica polo tanto de ningún xeito a supresión de tales servizos, senón o feito de que cada administración asuma as súas propias competencias.
• Aforro en gastos que si son competencia do Concello, mediante a eliminación de gastos superfluos; establecendo outro tipo de prioridades políticas e convocando a licitación dos servizos que presta o Concello con criterios de transparencia, de pública concurrencia e de economía de escala.
b) Negámonos de pleno á alternativa de aumentar os ingresos para o pago da débeda vía incremento de impostos (IBI) e de taxas municipais.
Esta vía de solución servirá para pechar dunha vez por todas, este problema enquistado desde hai tantos anos, para pasar entón a unha etapa na que esixamos as correspondentes responsabilidades tanto a outros organismos (Xunta) que foron copartícipes na aprobación dos instrumentos de planeamento que permitiron este tipo de pelotazos urbanísticos, como tamén a aqueles que desde o propio Concello, con decisións absolutamente contrarias aos intereses dos veciños, puxéronnos neste situación. Continuar mirando ao carón si sería abrir o camiño a unha intervención, si sería unha fuxida cara adiante.
E estase facendo con absoluta transparencia, por canto se estivo informando claramente dos pasos que se van dando e das decisións que se van tomando. No mes de agosto fíxose a primeira reunión dun Alcalde cos representantes dos expropiados en todos estes anos. Próximamente reunireime directamente con eles. E aínda por riba, estou tamén dando conta de todo isto en todas e cada unha das asembleas abertas cos veciños das parroquias.
No que se refire á asunción de responsabilidades, estamos recibindo este momento os orzamentos de diferentes avogados para levar a cabo unha auditoría externa ao expediente de Fadesa, que permita determinar:
a) A existencia de indicios de ilícito penal, no seu caso, e de persoas nas que poidan recaer sospeitas do mesmo.
b) Avaliación xurídica respecto da posible prescripción de todas ou destas condutas.
c) Avaliación xurídica sobre a posible concorrencia de causa derivada da responsabilidade de determinados/as funcionarios/as e autoridades políticas.
d) Aproximación ao “quantum patrimonial” ao que ascendería o dano patrimonial ao Concello.
e) Presunta comisión dun delito de PREVARICACIÓN POR OMISIÓN, ao non opoñerse o entón alcalde a acordos lesivos para o Concello.
Porque se temos o deber de asumir de xeito subsidiaria o pago desta débeda, tamén temos o dereito de delimitar responsabilidades se as hubese.
Unha aperta,
Ricardo Sánchez Oroza