O Concello solicitou a ampliación do horario do servizo de Pediatría no centro de saúde de Miño tras a petición que hai xa tempo leva facendo a cidadanía. Con esta solicitude preténdese que a ampliación se leve a cabo canto antes, xa que os temas sociais e sanitarios son unha das principais preocupacións deste goberno local.
Actualmente o servizo de pediatría opera no noso municipio os luns, mércores, xoves e venres, quedando excluídos os martes, día no que a atención se realiza no centro de saúde de Paderne, o que supón un importante traslado das persoas usuarias, xa que este centro está a unha distancia duns 13 quilómetros.
Con esta solicitude de ampliación preténdese que o servizo de Pediatría no centro de saúde de Miño pase a estar operativo de luns a venres en horario completo de mañá, e que así a cidadanía non teña que desprazarse ata o municipio de Paderne. Así mesmo, fíxoo constar o alcalde, Ricardo Sánchez, á Xerencia do Servizo Galego de Saúde.
Non debemos de esquecer que este servizo dá cobertura a un importante grupo de poboación infantil, especialmente dos concellos de Miño e Vilarmaior, xa que entre estes dous xuntos reúnen 856 persoas empadroadas menores de 15 anos.